martes, 28 de abril de 2026

Raposadas

 Para conmemorar o Día do Libro, a Biblioteca Municipal da Capela convidounos hoxe a unha sesión de contacontos a cargo de Raquel Queizás: " Raposadas, contos para nenas e nenos ". Fartámonos de rir coas historias que nos contou. Moitas grazas a Maribel e á Concellaría de Cultura por traernos actividades tan divertidas.

👋👋👋👋




domingo, 26 de abril de 2026

Día do Libro

 Coma cada ano, o 23 de abril celebramos o Día do Libro. Visitounos José Antonio Abad,  psicólogo infantil, divulgador da música clásica e escritor. Falounos da relación entre música e literatura, entre outras cousas. Explicounos todos os segredos do libro "Os Planetas" que estivemos traballando nas últimas semanas. Fixemos  unha viaxe apaixoante polo Universo coa axuda da  nosa imaxinación.

💓💓💓


mércores, 15 de abril de 2026

Outro xeito de comunicarnos

 Da man do persoal do proxecto ENKI aprendemos todos os segredos da lingua de signos. É unha maneira moi útil para comunicarnos con persoas que teñen algunha dificultade ou non poden oír. Foi moi interesante aprender algunhas palabras e poder expresarnos coas nosas mans. Por riba, deixáronnos un mural moi bonito co alfabeto na lingua de signos para que poidamos practicar. Así que xa podemos dicir que dominamos unha nova lingua... 😜😜


 

venres, 10 de abril de 2026

Superheroes e superheroínas da hixiene dental

 A nosa nova amiga, a odontopediatra Lucía Villar falounos da importancia do coidado diario dos nosos dentes. Explicounos cal é a mellor maneira de coidalos para ter un bonito sorriso e, sobre todo, unha boa saúde bucodental. A verdade é que a maioría dos consellos que nos deu xa os sabiamos, pero outros non e agora somos máis conscientes da importancia de coidar moi ben as nosas pezas dentais. Esperamos que non se nos esqueza...  😁😁😁


 


mércores, 25 de marzo de 2026

8M

Coma cada ano celebramos no cole o 8 de marzo, para homenaxear a todas as mulleres do mundo, ás que lles debemos todo o que somos e mesmo a nosa propia existencia. Este ano tivemos un contacontos teatralizado titulado "E ti que queres ser de maior?" que nos trouxo a  nosa querida ANPA. Pasamos un rato moi divertido e aprendemos cousas interesantes sobre algunhas mulleres importantes ao longo da Historia. Aínda que para nós todas son moi importantes!

Tamén quixemos facer un agasallo para as nosas nais, avoas, amigas, etc. Quedounos bastante ben e gustoulles moito!

💓💓💓💓

 



 

Día de Rosalía. 23 de febreiro de 2026

O pasado 23 de febreiro celebramos no noso centro o Día de Rosalía cunha fermosa actividade organizada polo alumnado de terceiro e cuarto de primaria, que asumiu con grande responsabilidade a preparación deste evento tan especial.

Durante a xornada, os nenos e nenas ofreceron unha interesante presentación sobre a vida e obra de Rosalía de Castro, achegándonos á figura dunha das escritoras máis importantes da nosa literatura. Ademais, emocionaron a toda a comunidade educativa coa recitación de varios dos seus poemas máis coñecidos.

Como parte da celebración, tamén coordinaron a elaboración dun mural colectivo que xa loce na entrada do colexio, enchendo o espazo de cor e cretividade.

Para máis información e detalles sobre as actividades realizadas, podedes visitar o blog da biblioteca do centro facendo clic aquí