martes, 20 de maio de 2025

17 de maio Día las Letras Galegas.

Este ano o Día das Letras Galegas está protagonizado polas cantareiras e as cantigas tradicionais galegas. 👏👏👏

Dende o cole traballamos este día tanto a nivel aula como a nivel cole. 

Na aula levamos a cabo un traballo de investigación sobre as cantareiras e valoramos a importancia que tiveron na preservación da lingua galega a través das súas cantigas, que se transmitiron de nais a fillas, de avoas a netas, e entre a veciñanza. Para representar a estas mulleres tan importantes foron escollidas Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeiras e Prudencia, Asunción Garrido e Manuela Lema, tres das integrantes das Pandeireteiras de Mens. 

Xa todos xuntos tivemos a oportunidade de escoitar a un grupo de cantareiras ben especial, as nosas cantareiras, as cantareiras da Capela, froito da actividade extraescolar de pandeireta, que ben o fixeron! 💓

Grazas tamén a Jose a Bea a Carlos, o profe de pandeireta, e a David, o noso profe de música. Grazas por estas pezas tocadas con tanto agarimo e por preservar e transmitir unha tradición tan importante na nosa cultura como é a música.





venres, 16 de maio de 2025

Día do libro

 
Con motivo do día do libro este luns tivemos unha visita ben especial, a de Paula Carballeira Cabana autora, entre outros, do libro Carabela escollido polo segundo ciclo para traballar neste segundo trimestre. Este libro conta a historia de Carabela, a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico, onde está soa e rodeada de peixes mutantes que a advirten que son tóxicos, de paxaros que tamén se queixan por comer substancias nocivas… Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de Plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. Neste libro Paula lánzanos unha mensaxe sobre a importancia de que coidemos o noso medio ambiente e recórdanos que planeta non temos máis ca un.

Os nenos, nenas, mestres e mestras desfrutamos dun anaco ben divertido cheo de historias segredas narradas con moita paixón e cariño.

E... como non podía ser doutro xeito os nenos e nenas de todo o cole prepararon unha sorpresa para Paula: unha obra de teatro baseada nos seus libros. Podedes visualizala no blogue da biblioteca.