martes, 10 de xuño de 2025

Día do medio ambiente

O pasado xoves 5 de xuño achegouse o distrito forestal de Ferrol a celebrar con nós o día do medio ambiente, compartimos un tempo ben divertido cheo de aprendizaxe. Grazas ao conto dos bolechas que nos contaron Sara e Raúl sabemos un pouquiño máis sobre os montes de Galicia, as persoas dedicadas a previr os incendios forestais, as ferramentas e vehículos que empregan...

Infinitas grazas a Martín e Mónica por contarnos con tanta paixón en que consiste o voso traballo e transmitir dun xeito tan agradable o respeto polo medio ambiente e a importancia de coidar os nosos montes.

E por suposto grazas aos bombeiros por tan marabillosa demostración e por mostrarnos os equipos que forman parte do seu día a día.


martes, 20 de maio de 2025

17 de maio Día las Letras Galegas.

Este ano o Día das Letras Galegas está protagonizado polas cantareiras e as cantigas tradicionais galegas. 👏👏👏

Dende o cole traballamos este día tanto a nivel aula como a nivel cole. 

Na aula levamos a cabo un traballo de investigación sobre as cantareiras e valoramos a importancia que tiveron na preservación da lingua galega a través das súas cantigas, que se transmitiron de nais a fillas, de avoas a netas, e entre a veciñanza. Para representar a estas mulleres tan importantes foron escollidas Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeiras e Prudencia, Asunción Garrido e Manuela Lema, tres das integrantes das Pandeireteiras de Mens. 

Xa todos xuntos tivemos a oportunidade de escoitar a un grupo de cantareiras ben especial, as nosas cantareiras, as cantareiras da Capela, froito da actividade extraescolar de pandeireta, que ben o fixeron! 💓

Grazas tamén a Jose a Bea a Carlos, o profe de pandeireta, e a David, o noso profe de música. Grazas por estas pezas tocadas con tanto agarimo e por preservar e transmitir unha tradición tan importante na nosa cultura como é a música.





venres, 16 de maio de 2025

Día do libro

 
Con motivo do día do libro este luns tivemos unha visita ben especial, a de Paula Carballeira Cabana autora, entre outros, do libro Carabela escollido polo segundo ciclo para traballar neste segundo trimestre. Este libro conta a historia de Carabela, a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico, onde está soa e rodeada de peixes mutantes que a advirten que son tóxicos, de paxaros que tamén se queixan por comer substancias nocivas… Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de Plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. Neste libro Paula lánzanos unha mensaxe sobre a importancia de que coidemos o noso medio ambiente e recórdanos que planeta non temos máis ca un.

Os nenos, nenas, mestres e mestras desfrutamos dun anaco ben divertido cheo de historias segredas narradas con moita paixón e cariño.

E... como non podía ser doutro xeito os nenos e nenas de todo o cole prepararon unha sorpresa para Paula: unha obra de teatro baseada nos seus libros. Podedes visualizala no blogue da biblioteca.


venres, 25 de abril de 2025

Viaxe á Cidade da Cultura

 O venres 25 de abril desprazámonos ata a Cidade da Cultura, en Santiago. A nosa querida ANPA organizou esta saída que resultou moi divertida e enriquecedora. Os nenos e nenas de terceiro tivemos unha visita guiada pola Biblioteca de Galicia . Cantos libros hai alí!!! Tamén nos agasallaron cun libro e unha libreta. Os rapaces e rapazas de cuarto no Museo Centro Gaiás fixemos unha viaxe virtual a onde todo comezou. Aínda nos dura a impresión que nos causou esta experiencia.

Grazas á nosa ANPA por facer posible esta viaxe!

💓💓💓






Día do Libro na Casa da Cultura

 O 23 de abril celébrase o Día do Libro e, para conmemorar esta data tan importante, a Biblioteca Municipal da Capela convidounos ao espectáculo " Maxia tola e lectora ", a cargo de Leo Leíño.

Pasamos unha hora moi divertida con esta mistura de maxia e contos que nos sorprendeu e nos fixo rir  moito. Grazas ao Concello da Capela e a Maribel, a bibliotecaria, por traernos actividades tan bonitas!

👏👏👏👏




domingo, 30 de marzo de 2025

Saída a Ferrol.

 Durante a mañá do pasado xoves 13  gozamos dun concerto didáctico marabilloso ofrecido pola banda do Terzo Norte da Armada, e...sabedes que? Tivemos un director de bada moi especial, o noso compañeiro Noé👏

Tamén visitamos o Museo de Historia Natural de Ferrol onde tivemos a oportunidade de admirar herbarios, algarios, insectos, o esqueleto dunha balea común de 18m, dermoplastias de cetáceos, focas e tartarugas, raras especies de quenllas, cunchas...

Grazas á Banda do Terzo Norte e a Rebeca do MHN de Ferrol por compartir tanto coñecemento e tanta paixón polo que facedes!







 


luns, 3 de marzo de 2025

Entroido 2025.

 Este ano, a temática do entroido estivo relacionada coa arte xa que é o eixo sobre o que se vertebra o noso PDI "Capelarte" e por iso, o segundo ciclo, decidimos disfrazarnos de mimos e mimas, propuxémonos empregar unicamente o noso corpo como instrumento para crear e expresar, pero foi unha xornada tan especial...que non nos foi posible!

A primeira hora gozamos do espectáculo Peque Disco Moc Moc de Me Re Clown, a continuación e despois de tanto baile repuxemos forzas cunha exquisita merenda de chocolate con rosquillas 😋, despois tocou lucir os nosos traxes por As Neves e facer unhas pequenas actuacións que con tanto gusto e diversión preparamos. Xa de regreso rematamos co Xuízo do Meco.









Desfrutamos creando.

Levamos a cabo a nosa primeira actividade baseada no enfoque Reggio Emilia no que destaca fundamentalmente a importancia das relacións,dos materiais e os espazos como terceiro educador. Entendendo que os contextos nos que habita o alumnado teñen que xerar diferentes situacións de aprendizaxe e proporcionarlles diversos accesos ás múltiples relacións. 

Comezamos pola lectura do libro "Grandes amigos" e continuamos creando un espazo con diferentes materias (caixas, teas, fíos...) no que o alumnado deu renda solta á súa creatividade. 

Grazas á profe Noe por axudarnos a facer posible esta actividade!






luns, 17 de febreiro de 2025

De que está feito o meu corazón?

O pasado venres o alumnado do segundo ciclo levou a cabo unha actividade na que montamos un corazón, superpoñendo diferentes corazóns, cada un con un dos esenciais para todos os corazóns. Actividade de reflexión, autocoñecemento, desenvolvemento da creatividade e como non...de diversión!