martes, 2 de decembro de 2025

"Alados"

 Da man da nosa nova amiga Tamara, bióloga da asociación para a educación ambiental  "Alados Medioambiente", hoxe descubrimos moitas cousas interesantes sobre as aves nocturnas e a súa importancia na natureza e mesmo nas nosas vidas. Tamén investigamos que cousas comen e cales son os seus costumes, sons, etc. Foi unha actividade moi enriquecedora que nos achegou o departamento de Medio Ambiente da Diputación da Coruña.

💚💚💚







mércores, 26 de novembro de 2025

25N- Día Internacional contra a violencia de xénero.

Conmemoramos o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun mural moi especial baixo o lema: “Que ninguén che corte as ás”.

Cada neno e nena participou creando unhas ás feitas con mans recortadas, símbolo de apoio, liberdade e respecto. 




Saída: Xacemento de Caldoval.

 O pasado venres visitamos o xacemento arqueolóxico de Caldoval, onde puidemos descubrir como era a vida na época romana, coñecemos as antigas termas, os seus usos e a importancia deste espazo na historia local.

Ademais desfrutamos dun divertido obradoiro no que construimos un tres en raia.

Días diferentes, días de aprendizaxe.




20N- Día universal da infancia

O 20 de novembro celebramos no colexio o Día Universal da Infancia. Para festexalo, visitounos a autora Ana Meilán, que nos encantou cun contacontos do seu libro Xertrudis.

Grazas á ANPA por organizar esta actividade tan especial.



luns, 17 de novembro de 2025

Saída: A Coruña

O pasado venres visitamos A Coruña,  puidemos combinar natureza, historia e ciencia nunha mesma xornada. A primeira parada foi o Monte de San Pedro, onde gozamos das espectaculares vistas da cidade e coñecemos a importancia histórica deste espazo como punto de defensa costeira. 

A continuación visitamos a Casa das Ciencias, onde participamos en diferentes actividades interactivas e descubrimos curiosidades sobre astronomía, física e a natureza.

Foi unha saída estupenda para aprender dun xeito diferente e compartir momentos especiais fóra da aula.








xoves, 13 de novembro de 2025

Día do Peón e Magosto

 A pesares de non ter aínda dispoñible o pavillón e de que o tempo non acompañou, este ano tampouco quixemos deixar de celebrar o Magosto nin o Día do Peón. Así que no recreo papamos unhas deliciosas castañas asadas e despois fixemos uns xogos moi divertidos, algunha manualidade e, por suposto, bailamos e cantamos a mítica canción "Fago o Camiño".

Na Capela os peóns nunca deixan de xirar!

😊😊😊





















mércores, 5 de novembro de 2025

Samaín. Cabazas, Bruxas e moita maxia!



O pasado 30 de outubro, celebramos o Día de Samaín  cunha xornada chea de diversión e misterio. O alumnado trouxo as súas propias cabazas para o concurso de Samaín, amosando gran creatividade e imaxinación. Moitas grazas a todos os participantes por facer desta actividade un verdadeiro éxito!

Parabéns aos gañadores de segundo ciclo do concurso de cabazas, Leyre, Artai e Nina!

Ademais, a Santa Compaña fixo unha visita moi especial, sorprendendo a grandes e pequenos! E... para rematar, a Bruxa Maruxa chegou ao colexio para contarnos unhas historias cheas de maxia que nos deixaron a todos fascinados.

Grazas á nosa Anpa por tanto esforzo!














martes, 4 de novembro de 2025

Contacontos con Bea Campos

A semana pasada, todo o colexio tivo a sorte de asistir a unha sesión de contacontos única e especial, da man de Bea Campos, que nos fixo vivir unha xornada chea de maxia e diversión.

Grazas ao Concello e á Biblioteca Municipal por convidarnos e facer posible esta marabillosa actividade. 

Grazas a Bea Campos pola súa enerxía e capacidade para facer que os contos cobrasen vida.



martes, 28 de outubro de 2025

Sen emoción non hai aprendizaxe .

 💚 Moitas grazas á nosa ANPA pola compra dos novos xogos para as aulas!

Os nenos e nenas están encantados e encantadas. Aprender xogando é moito mellor!




luns, 27 de outubro de 2025

24 de outubro. Día das bibliotecas

 O noso centro celebra un ano máis o Día das Bibliotecas, que se conmemora o 24 de outubro, cunha semana chea de actividades pensadas para poñer en valor este espazo tan especial de aprendizaxe e descubrimento.

Durante os días previos, o alumnado participou nunha formación de usuarios, impartida polos compañeiros e compañeiras de 6º de Primaria, que explicaron como está organizada a nosa biblioteca, que servizos ofrece e como se poden atopar e empregar os seus recursos. Foi unha oportunidade estupenda para aprender e tamén para que o alumnado máis maior exercese de guías e formadores.

Un dos momentos máis especiais foi o concurso de deseño dun axudante para Cusco, a nosa querida mascota da biblioteca. O alumnado puxo toda a súa creatividade en marcha, presentando propostas orixinais e cheas de imaxinación.
En 3º de Primaria, o finalista foi Artai con "Casacol", e en , Yoana coa súa creación, o gatiño "Noite", que se converteu finalmente na gañadora. Parabéns a ambos polo seu fantástico traballo!

E para culminar a semana, o 24 de outubro, realizouse a actividade “Xornalistas de investigación”. Nesta ocasión, os nenos e nenas convertéronse en verdadeiros detectives da información, comprobando a veracidade de distintas afirmacións mediante a búsqueda de respostas en diversas fontes. Foi unha actividade tipo “busca do tesouro”, divertida e moi educativa, que axudou a poñer en práctica o pensamento crítico e a habilidade para distinguir entre feitos e opinións.

Como broche final desta xornada tan especial, todo o alumnado recibiu unha galleta decorada co cartel do Día das Bibliotecas

 
📖 Feliz Día das Bibliotecas!












venres, 17 de outubro de 2025

Aprendendo a reciclar

 Hoxe visitounos a nosa nova amiga Nuria, traballadora de Ancaria-Xestión Medioambiental, para explicarnos moitas cousas interesantes sobre a reciclaxe. A verdade é que algunhas delas xa as sabiamos pero nunca está de máis lembralas e, sobre todo, levalas á práctica. Soamente temos un planeta onde vivir e temos que facer todo o que estea nas nosas mans para conservalo e coidalo cada día.

Grazas a Nuria e tamén ao Concello de A Capela por traernos unha actividade tan interesante.

💚💚💚💚





sábado, 20 de setembro de 2025

Benvidos e benvidas ao novo curso 2025-2026

 Un pouco de arte enmarcado no noso Proxecto Documental  Integrado "Capelarte", galletiñas da fortuna con mensaxes positivas para este curso e unha decoración ben bonitiña e especial que con tanto agarimo nos preparou a nosa ANPA, grazas!💕





xoves, 26 de xuño de 2025